Pola presente convócase o procedemento para seleccionar ao alumnado para participar no programa de mobilidades europeas ERASMUS+ 2024 coordinado pola Deputación de Pontevedra no presente curso académico.
Os alumnos/as que estean interesados en participar nunha mobilidade deberán cumprimentar o FORMULARIO DE SOLICITUDE anexo a esta publicación que lles corresponda e envialo ao seguinte enderezo danielfonterosa@edu.xunta.gal entre o 13 de Marzo ao 20 de Marzo de 2025 (ambos inclusive).
A data das entrevista de selección será o 31 de Marzo ás 10:25 horas na clase de segundo de medio (calquera cambio se avisará).
É importante que no ASUNTO DO CORREO se indique o seguinte texto “SOLICITUDE PARTICIPACION ERASMUS DEPO NOME APELIDOS”
(Ex. SOLICITUDE PARTICIPACION ERASMUS DEPO TOMÁS FERNANDEZ)
Os criterios de selección do alumnado e do persoal docente e non docente son os establecidos no Anexo I das Bases reguladoras e convocatoria de adhesión de centros educativos de FP da provincia de Pontevedra para a formación dun consorcio de mobilidade no marco do proxecto que se presentará á convocatoria Erasmus:
ANEXO I
A.— CRITERIOS DE SELECCIÓN DAS PERSOAS BOLSEIRAS
É condición imprescindible para poder realizar a mobilidade que o alumnado sexa maior de idade, recentemente titulado (ter aprobados todos os módulos do ciclo ou curso, incluído o módulo FCT, antes do inicio do período de mobilidade) e que sexa seleccionado polo centro educativo durante o último curso dos seus estudos.
A mobilidade deberá realizarse durante os 12 meses posteriores á obtención do título, salvo que as directrices do Programa Erasmus+ establezan outro prazo.
Establécense os seguintes criterios no baremo. A nota final obterase da suma das puntuacións dos seguintes apartados:
1. Asistencia ás clases lectivas e conduta (ata un máximo de 1 punto)
2. Expediente académico (ata un máximo de 2 puntos)
3. Coñecemento de idiomas (ata un máximo de 2 puntos)
4. Méritos (ata un máximo de 1 punto)
5. Entrevista persoal (ata un máximo de 2 puntos)
6. Tipoloxía de alumnado (2 puntos)
O proceso selectivo será formulado e supervisado pola xefatura do Servizo de Promoción do Emprego e Desenvolvemento Local da Deputación de Pontevedra (ou a persoa na que delegue).
No caso de empate, os criterios de desempate serán, por esta orde:
• Tipoloxía de alumnado
• Maior puntuación no expediente
• Maior puntuación no coñecemento de idiomas
No caso de continuar co empate, o desempate determinarase por decisión do centro educativo.
1.— ASISTENCIA ÁS CLASES LECTIVAS E CONDUCTA (ata un máximo de 1 punto)
Valorarase a actitude nas clases e a asistencia regular ao ciclo cursado, ata un máximo de 1 punto:
Asistencia a máis do 90 % das clases lectivas | 0,5 puntos |
Asistencia igual ou inferior ao 90 % das clases lectivas | 0 puntos |
Ausencia de faltas de conduta | 0,5 puntos |
Existencia dalgunha falta de conduta | 0 puntos |
2.— EXPEDIENTE ACADÉMICO (ata un máximo de 2 puntos)
Valorarase o expediente académico da persoa candidata calculando a media aritmética das cualificacións obtidas durante o primeiro curso do ciclo formativo, ata un máximo de 2 puntos:
Puntuación numérica | Puntuación non numérica | Baremo |
Do 5 ao 5,99 | Aprobado | 0,5 puntos |
Do 6 ao 6,99 | Aprobado | 1 punto |
Do 7 ao 8,99 | Notable | 1,5 puntos |
Do 9 ao 10 | Sobresaínte | 2 puntos |
Non se terán en conta as cualificacións validadas.
3.— COÑECEMENTO DE IDIOMAS (ata un máximo de 2 puntos)*
3.1 Titulacións de inglés.
Polo certificado oficial da Escola Oficial de Idiomas ou equivalente legalmente homologado, ata un máximo de 2 puntos.
A1 | 0 puntos |
A2 | 0,5 puntos |
B1 | 1 punto |
B2 | 1,5 puntos |
C1 ou C2 | 2 puntos |
Non se terán en conta as titulacións de nivel inferior que levaron a adquirir outra de nivel superior.
Sen certificado oficial: realización dunha proba de nivel (oral) por parte do persoal de linguas do centro educativo, valorable ata un máximo de 1 punto.
3.2 Baremo dun segundo idioma.
Valorarase o coñecemento doutro idioma cun nivel mínimo de A2 e con acreditación de certificado oficial, ata un máximo de 2 puntos.
A2 | 1 punto |
B1, B2, C1, C2 | 2 puntos |
*A puntuación máxima que se pode obter nos apartados 3.1 e 3.2 é de 2 puntos.
4.— MÉRITOS (ata un máximo 1 de punto)
Valorarase con 0,5 puntos cada título de Formación Profesional de grao básico, grao medio e cursos que conduzan á obtención de Certificados de Profesionalidade dos niveis I, II e III diferentes ao que lle dea acceso á mobilidade, ata un máximo de 1 punto.
5.— ENTREVISTA PERSOAL (ata un máximo de 2 puntos)
Valoraranse ata un máximo de 2 puntos as habilidades comunicativas e sociais suficientes para desenvolverse en contornos distintos aos habituais, a motivación, a autonomía, a madurez, o compromiso co programa, a responsabilidade, ou a iniciativa, entre outras.
Tamén se valorará a acreditación de pertenza a calquera tipo de ONG ou a participación en programas de voluntariado.
6.— TIPOLOXÍA DE ALUMNADO (2 puntos)
Valorarase con 2 puntos a pertenza ao colectivo considerado como persoa con menos oportunidades.
Atendendo á definición proporcionada nos Regulamentos que establecen os programas Erasmus+ e o Corpo Europeo de Solidariedade, considérase persoa (moza) con menos oportunidades a «calquera persoa (moza) que por motivos económicos, sociais, culturais, xeográficos ou de saúde, pola súa orixe inmigrante, ou por razóns tales como a discapacidade ou as dificultades de aprendizaxe, se enfronten a obstáculos que lle impidan acceder de maneira efectiva ás oportunidades que ofrece o Programa».
Os obstáculos que dificultan a participación no programa Erasmus+ denomínanse factores de exclusión, e atendendo ás directrices do programa, concrétanse nos seguintes:
• Discapacidades: deficiencias físicas, mentais, intelectuais ou sensoriais.
• Problemas de saúde: enfermidades graves, doenzas crónicas ou calquera outra situación relacionada coa saúde física ou mental que impida a participación no programa.
• Obstáculos vinculados aos sistemas de educación e formación: persoas que, por diversas razóns, teñen dificultades para obter bos resultados nos sistemas de educación e formación.
• Diferenzas culturais: persoas de orixe inmigrante ou refuxiado —sobre todo se son inmigrantes recentemente chegados—, as persoas pertencentes a minorías étnicas ou nacionais, os usuarios de linguas de signos, as persoas con dificultades de adaptación lingüística ou inclusión cultural.
• Obstáculos sociais: ter un fillo (especialmente no caso das familias monoparentais); ser un coidador, o principal sostén económico da familia ou orfo, ou ben vivir ou ter vivido nunha institución asistencial.
• Obstáculos económicos: persoas con baixo nivel de vida, con ingresos reducidos ou dependentes da asistencia social, os estudantes que teñen que traballar para manterse, as persoas en situación precaria, de pobreza ou de desemprego de longa duración, as persoas sen fogar, con débedas ou problemas financeiros.
• Obstáculos vencellados á discriminación: discriminación relacionada co xénero (identidade de xénero, expresión de xénero, etc.), a idade, a orixe étnica, a relixión, as crenzas ou unha combinación de dous ou máis dos obstáculos mencionados neste apartado.
• Obstáculos xeográficos: vivir en municipios rurais e escasamente poboados. Atendendo á Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sostible do medio rural, considérase municipio rural de pequeno tamaño aquel posúa unha poboación inferior a 5.000 habitantes e estea integrado no medio rural. Eurostat define municipio escasamente poboado aquel cunha densidade inferior a 100 hab./km2.
A xustificación do perfil deste alumnado realizarase mediante informe dunha institución pública competente: servicios sanitarios, sociais, educativos – departamento de orientación ou un equipo de orientación específico. Atendendo aos distintos factores de exclusión aceptaranse as seguintes certificacións e documentos:
• Discapacidades: certificado de discapacidade emitido pola autoridade correspondente. Tamén se aceptará a situación de ter unha solicitude aberta para o recoñecemento dunha discapacidade cos informes pertinentes.
• Problemas de saúde: informe médico expedido polo centro de saúde, especialista ou autoridade sanitaria competente.
• Obstáculos vinculados aos sistemas de educación e formación: informes dos equipos de orientación nos centros educativos ou autoridades e orientación educativa e psicopedagóxica nas Delegacións de educación.
• Diferenzas culturais: resolución de condición de refuxiado ou con dereito a protección subsidiaria, ter presentado unha solicitude de protección internacional en España, informe do Departamento de Orientación do centro educativo ou dos Servizos Sociais.
• Obstáculos sociais e económicos: ser persoa beneficiaria dunha bolsa de estudos de carácter xeral da Administración Xeral do Estado, persoa beneficiaria dunha bolsa de comedor ou libros, certificado de percepción da prestación de Ingreso mínimo vital / Renda Mínima de Inserción ou calquera outra prestación de igual ou similar natureza da unidade familiar ou do proxenitor que teña a custodia, informe de Servizos Sociais, consideración administrativa de vítimas de terrorismo, de violencia de xénero ou orfos, estudantes con contratos de traballo a tempo completo, certificación de situación de dependencia, participantes con dependentes a cargo, certificación de ser persoa tutelada pola Administración ou certificado de familia monoparental ou numerosa.
• Obstáculos vencellados á discriminación: certificación da administración competente ou informe do Departamento de Orientación xustificando o obstáculo, por exemplo, por acoso escolar.
• Obstáculos xeográficos: Documento Nacional de Identidade (DNI) ou certificado de empadroamento.
Os centros educativos do consorcio deberán remitir á Deputación de Pontevedra as evidencias documentais que xustifiquen a pertenza a este colectivo xunto coas as actas de selección. A información detallada deste criterio de selección atópase na seguinte ligazón: http://sepie.es/doc/convocatoria/2023/estrategia_de_inclusion_y_diversidad_del_sepie.pdf.
Con independencia do anterior, todos os criterios poderán ser valorados con puntuación cero no caso de que a Comisión de Valoración de solicitudes de mobilidade constituída en cada centro educativo o considere oportuno. Neste sentido, incluso no caso de que unha alumna ou alumno cumpra os requisitos formais para o acceso a unha das prazas para realizar unha mobilidade Erasmus+, as e os membros da Comisión de Valoración de cada centro de FP poderán denegarlle directamente o dereito sen máis trámite no caso de que estimen que non cumpre os criterios mínimos para a súa realización en canto a conduta, comportamento, contorno, motivación, factores educativos, traxectoria, actitude, etc.