Mara Fernández Gómez Aluna de 1º CS de Marketing e Publicidade do IES Indalecio Perez Tizón
Ao entrar no recinto, quedei impresionada pola magnitude do evento e a vasta representación de empresas provenientes de diversas partes do mundo.
A exposición estaba organizada en varios pavillóns cuxa temática era o sector pesqueiro: desde produtos frescos e conxelados ata tecnoloxía avanzada para a captura, procesamento e conservación dos recursos mariños. Cada expositor mostraba a súa oferta con gran precisión, reflectindo a competitividade da industria.
As empresas internacionais achegaron un enfoque verdadeiramente global ao evento. Expositores de países como Noruega, Chile, Xapón e Canadá distinguíanse pola presentación dos seus produtos.

Creo que falo por todos cando afirmo que ningún dos que fomos á excursión esperabámonos a importancia do evento. Chegou un momento no que me dei conta de que non só era unha exposición, senón que o que realmente resaltaba era a rede de contactos que se producían no lugar, como representantes de varias empresas aproveitaban o evento para intercambiar as súas ideas e estratexias, ou simplemente, “facer negocios”.
Aquilo era moito máis que unha simple exhibición, enseguida decateime ao ver a homes trajeados, reunións nas salas e centos de persoas conversando coas diferentes empresas, ou como en moitos das casetas os propietarios reflectían interese en que alguén se achegase. Non era só unha exhibición, era o centro de importantes relacións internacionais e redes de contactos que rodeaban á industria pesqueira.

A pesar disto, creo que todos acabamos por darlle mais importancia ás degustacións que cada caseta ofrecía, lembro a nosa desesperación ao non atopar o ditoso polbo á galega e como gozamos coa maioría de mostras (a mellor torta de queixo que probei na miña vida), e digo a maioría porque cometín o erro de querer innovar nos meus gustos e probar un estraño aperitivo que, a día de hoxe, sigo sen ter moi claro que era. (nunca máis).

Nun momento creo que nos perdemos, e non me estraña, aqueles corredores parecían infinitos, moitas veces tiven a sensación de pasar polo mesmo cerco unhas dez veces, e cando pensaba que xa se acabou aínda nos quedaban por ver outras 4 salas. Quedei impresionada da magnitude daquilo. Ao concluír o evento, quedoume claro que Conxemar é sen ningunha dúbida o epicentro da industria pesqueira a nivel internacional, non é só unha feira global, senón un espazo de innovación, intercambio e reflexión onde se forxan alianzas estratéxicas. A experiencia deixoume clara a gran importancia da industria marítima.
Autoría do post: Mara Fernández Gómez Alumna de 1º Superior de Marketing e Publicidade do IES Indalecio Perez Tizón