O martes 7 de febreiro os alum@s de comercio xunto con dúas das docentes, fixemos unha saída didáctica á fermosa vila de Allariz. Non só nos pareceu interesante facer a visita ó conxunto histórico artístico pola súa beleza e polas paisaxes, preto do río Arnoia que se poden contemplar , senón que resultou interesante porque o lugar soubo encontrar a “formula máxica “ para fixar poboación , atraer turistas e conservar o seu patrimonio conxugando o impulso do comercio xunto co turismo.
Iniciamos a viaxe a primeira hora da mañá e alí nos esperaba unha guía para facer unha fantástica visita polo museo do coiro, onde nos explicou o proceso de tratado do mesmo e como a economía deste lugar se sustentou grazas a esta actividade durante moitos anos. Seguimos descubrindo o casco antigo e finalizamos a mañá visitando o museo da moda o que nos transportou a outra época e aprendemos o tratado dos tecidos e as telas máis usadas polas costureiras de Allariz. Tamén visitamos os distintos “outles” onde nos explicaron como conseguiron grazas a está formula de comercio revitalizar a economía local.
Non podíamos voltar cara Tui sen parar na cidade das burgas. Os ourensás gardan esas augas como se foran ouro e quixemos tocar coas nosas mans esas termas prodixiosas. Xa estabamos cansos pero quedábanos unha visita máis. Despois de un rápido xantar visitamos a exposición “Pop Art Icons”, na Deputación onde nos explicaron as características principais deste movemento artístico e apreciamos os rechamantes cadros. A volta cara Tui serviu para descansar algúns e para reflexionar outros do fantástico día que pasamos.