Pontecaldelas – Pontevedra – Combarro

O pasado luns saíamos do I.E.S cun sorriso fóra do normal! O sol saía despois de unha infinidade de días agochado e quixo ser protagonista nesa saída tan esperada. Partimos de Tui a 1ª hora da mañá en dirección a Pontecaldelas, onde se atopa a sede de Distribucións Arnoia na cal nos recibiron Alicia Ferreiro Durán do dpto de coordinación e Carlos Blanco García, director de Librerías Nobel para España. Previa mediación de Javier Oliveira, xerente de librería Nobel Tui, que sempre nos vota unha man nestes mesteres. Alí o alumnado puido ver como traballa unha das maiores distribuidoras de libros do país e ver toda a engrenaxe dunha maquinaria que funciona de maneira excepcional. Formularon todas as preguntas que lles xurdiron e puideron ver de unha forma práctica os contidos dos módulos relacionados con loxística e almacén entre outros. E para colmo levaron un agasallo! Enormemente agradecidos quedamos da atención!

Con ganas dun café fomos para a fermosa cidade do Lérez e tras esa breve pausa iniciamos un roteiro comercial guiados pola profesora María Prieto… como nos custou seguirlle o paso! Nesta actividade puxéronse en práctica temas relacionados co escaparatismo, tendencias no comercio e a evolución dunha cidade no que ó sector comercio se refire. Algúns dos puntos percorridos foron: a Praza da Ferrería, A milla de ouro: Benito Corbal, Rúa Oliva, Praza dos nenos, praza de San Xosé, Basílica de Santa María, mercado, praza de Méndez Nuñez, tenda Marylin, praza da Leña, da verdura, Santa Clara….

Despois de un rato libre para comer dirixímonos á fermosa vila de Combarro, declarada conxunto histórico artístico. A cal foi finalista no concurso “Luce tu pueblo” organizado por Ferrero Rocher o pasado Nadal .Nesta vila pódense apreciar os restos dun pobo mariñeiro que soubo sustentarse e actualmente conta con numerosos visitantes que gozan a diario da paisaxe, o patrimonio, a gastronomía e ese “non sei que” que ten Combarro. Paga a pena a visita!!

A xornada rematou e volvemos a Tui con ganas da seguinte saída!