Decidimos utilizar o título ‘Un 5 de febreiro’ como referencia á última excursión que vivimos os alumnos do ciclo medio de actividades comerciais na devandita data. Tanto eu, Carlos, como o meu compañeiro Gael, desempeñando o rol de delegado e subdelegado, queremos aproveitar este espazo no blogue para darlle un toque máis persoal e enfocarnos en como vivimos a última excursión do curso como forma de concluír estes dous anos tan especiais xunto ao resto da clase. Unha clase onde ao principio do primeiro ano practicamente ninguén se coñecía e existía un ambiente de timidez e desconfianza, pero que co paso do tempo, baixo o noso punto de vista, xurdiron grandes amizades e creouse un grupo de compañeiros moi unido. Esta unión viuse reflectida no tema que imos comentar a continuación, aquel 5 de febreiro… Imos explicar como foi a excursión desde a nosa perspectiva xa que é a que vivimos de preto e a que máis se aproxima á realidade.
Un 5 de febreiro, recordo que como a maioría das mañás deste curso esperteime alegre e moi enérxico, algo que para alguén como eu, que lle custa tanto despegarse das sabas, é de valorar. Pois sabía que nos deparaba un gran día… Pero antes de comezar co bo, sexamos sinceros, a excursión non parecía demasiado atractiva xa que segundo a nosa percepción ía ser completamente didáctica e aínda que nos encante o que estamos a estudar e todo o relacionado co sector comercial, unha excursión de fin de curso na praia ou no parque de atracción creo que é algo que ninguén rexeitaría. Tras este momento fantaseando cunha excursión idílica volvamos á realidade. Recordo que como todas as mañás deime unha ducha rápida, púxenme a roupa e tras meter na mochila o máis indispensable para o día que nos esperaba, saín de casa en dirección ao instituto. A pesar do enérxico que me había levantado recordo que facía un día frío, digno da época do ano na que estabamos, que a calquera lle botaba para atrás.
Como sempre que temos unha excursión, a puntualidade é algo indispensable e recordo que ía co tempo xusto así que o meu avó, que era quen me levaba ao instituto aquel día, transformouse en Vin Diesel e chegamos en tempo récord. Unha vez no bus, como sempre faciamos, corremos para asegurarnos de ter os asentos de atrás, porque sexamos sinceros, A quen non lle gusta estar nos asentos de atrás cos seus amigos? Finalmente logramos facernos con eles e aí comezou todo. Por encantamento, as miradas perdidas que lembran a momentos despois de espertarche diante do tazón de leite reformulándoche a túa existencia e esas legañas tan molestas desapareceron e foi o inicio dun gran día. Na parte de atrás nós pasámolo moi ben, falando de todo tipo de temas que se vos veñan á cabeza e compartindo gustos e afeccións que descoñeciamos. Polo que me puiden fixar do resto da clase tamén llo estaban pasando moi ben, cantando e escoitando música. Tras a viaxe de ida chegamos ao porto de Vigo, onde nos ensinaron a que se dedican a todos os niveis, desde o primeiro proceso de pesca, conservación ata a distribución. Foi interesante, aínda que duro para aqueles que temos sensibilidade, pois ver aos peixes espada ,amontoados en palés, mortos e o chan bañado con sangue non é algo moi agradable… pero forma parte da realidade deste sector e é enriquecedor poder velo en primeira persoa. Como dato curioso este feito foi o detonante para que Gael se fixese vegetariano.
Creo que o máis divertido foi o momento no que dous adetradores de aves trouxeron dúas aguias ou falcóns, sinceramente non recordo. O que sí recordo é que algúns dos alumnos atrevéronse a suxeitalos mentres os máis miedosos, ou que máis valoramos as nosas prezadas vidas aproveitamos para fotografarlles.
Máis tarde regresamos ao bus dirección á Zona Franca de Vigo, alí unha señora moi simpática preparáranos un almorzo delicioso onde máis dun púxose as botas. Co estómago cheo e recuperados do frío que pasaramos no porto, dirixímonos a unha sala de conferencias onde nos trataron moi ben e explicáronnos un pouco a que se dedican e diferentes opcións interesantes de fronte ao futuro para interesados en emprender proxectos innovadores baixo o seu financiamento. Para finalizar a mañá fixéronnos un breve ‘circuíto’ en bus polas súas instalacións mentres un guía ía explicando detalladamente todo o relacionado coa Zona Franca de Vigo.
Unha vez visto todo o dito anteriormente chegou, na miña opinión a mellor parte, que foi o momento no que podiamos facer o que quixésemos e aproveitamos o noso grupo de amigos para dar unha volta polo centro comercial, comer algo e sobre todo pasar un intre moi agradable xuntos. O último que fixemos aquel día foi visitar o Corte Inglés xunto aos xefes e xefas de cada departamento onde nos explicaron todo desde o proceso de recepción de mercadorías, pasando por atención ao cliente ou contabilidade. Dito así non parece moi atractivo, seino, pero asegúrovos que foi algo do que non nos arrepentimos en absoluto de asistir xa que ademais do bo intre cos nosos compañeiros aprendemos moitas cousas novas e interesantes relacionadas cos estudos que estabamos a realizar naquel momento. A volta a clase foi algo máis tranquila que a ida, creo que todos estabamos algo cansos despois de todo o que fixeramos ese día pero lembro que foi moi agradable e emotiva polo feito de que era nosa última saída xuntos.

Co curso finalizado cada un irá polo seu lado, uns como Gael e eu seguiremos estudando un grao superior, outros se incorporarán ao mundo laboral, ou outros como o noso compañeiro Dani que por cuestións persoais, desprazouse a outra comunidade, e é alguén de quen me gustaría facer unha mención especial xa que demostra que a pesar de ter personalidades e formas de pensar moi distintas chegamos a crear unha lazo de amizade moi forte, pero o máis importante é que despois deste 5 de febreiro todos e cada un dos alumnos deste ciclo lembremos nun recuncho da nosa memoria aquel día e todos os momentos que vivimos durante estes dous anos. Finalizando este resumo daquel día tan enriquecedor en todos os sentidos, gustaríanos facer fincapé no importante que son estas saídas didácticas, xa que ademais de aprender cantidade de cousas que normalmente nunha clase tradicional no instituto é imposible de ensinar, fortalecer o sentimento de grupo e confianza entre as distintas personalidades dunha clase é imprescindible xa que en todos os ámbitos da vida, e máis nun traballo estaremos obrigados a manter relacións sociais cos nosos compañeiros e conseguir un ambiente agradable de traballo a pesar das infinitas diferenzas que naturalmente existen entre moitos de nós.
Artigo redactado por: Carlos García e Gael Bugarín